o amencer dunha arbore

Isto é un refuxio para as aves.Aves que non dan loitado contra o vento.Vento que nos deixa frio.Frio que non é capaz de conxelar as miñas intencións.Intencións de escribir.Escribir historias e contos,realidade e fantasía.Fantasía mesturada cun pouco de imaxinación. Imaxinación que se converte en ilusión.Ilusión de facer o que máis me gusta.SOÑAR

Nombre:
Lugar: Santiago

27 septiembre, 2006

Un regreso inesperado ( II parte)

Os últimos 5 anos pasáraos nun hospital de pobres e mutilados. Houbo momento nos que pensou que nunca sairía de ese edificio frío e sucio, pero chegou un día no que lle dixeron que facían falta as camas e que se tiña que marchar. Así o fixo. Cando saíu do hospital non sabía a onde ir. Aquela non era a súa cidade, nin coñecía a ningunha persoa que o puidese axudar, só tiña un traxe vello e ganas de facer algo, de volver a ser o dono da súa vida. Non sabe como pero conseguiu reunir os cartos necesarios para volver onde a súa familia. Seguramente eles pensaran que estaba morto, el tampouco sabía como estaban os seus. Despois dunha longa viaxe pousou os pés naquelas rúas coas que tanto soñara. Suspirou e comezou o camiño a súa casa. Non sabía co que se ía atopar, polo de pronto recibírano como o sabe facer esta vila, chovendo.

Nas rúas non había xente, estaban todos nas casas ao quente. Detrás das fiestras había luz e ruído. A primeira impresión non lle gustara moito, parecía máis sucia e marxinal, parecía menos Compostela. Recorreu as rúas sen presa, observando cada pequeno detalle, cada cousa nova e cada cousa vella. A guerra, por desgracia, tamén se deixou notar na súa vila. A preocupación ía en aumento xunto coa súa dor de brazo, estaba nervioso e desexando chegar a súa casa e ver aos seus irmáns e os seus pais. Cando alcanzou a rúa detívose, aínda non se parara a pensar que pasaría se non o recoñecían. Daba igual. Chegou ao número 7, o lugar onde dera os seus primeiros pasos e onde coñecera a súa primeira mociña. Alí parado diante da porta parecía un espantallo. Non era a mesma casa, parecía máis vella e ruinosa. Faltaba algún dos cristais das fiestras e o tellado deixaba pasar auga. Nunha primeira imaxe parecía abandonada. Chamou á porta pero non recibiu ningunha contestación, decidiuse e entrou. Na cociña atopou a unha señora maior, vestida de negro, parecía que durmía nunha cadeira. Ao carón estaba un meniño durmido no berce e unha muller embarazada. Todos estaban calados, nin se molestaron en erguer a vista para ver quen era ese descoñecido. El recoñeceunas, súa nai e unha das súas irmáns, os nenos supoñía que serían os seus fillos. Faloulles, díxolles quen era. Non reaccionaban. El choraba por todo ese tempo que non puido estar na súa casa, por ese tempo no que non as puido protexer. “Non chores meu fillo, por fin chegaches, agardábamos por ti dende hai anos” unha voz débil pero emocionada saía daquela cadeira. Abrazouna e seguiu chorando.

1 Comentarios:

Blogger semente de mar dixo...

Emocionante, precioso, con moita saudade... Sabes relatar os sentimentos das persoas co paso do tempo. Tes que aproveitar este don máis a miúdo. Noraboa!!!

12:52 p. m.  

Publicar un comentario

<< Home