o amencer dunha arbore

Isto é un refuxio para as aves.Aves que non dan loitado contra o vento.Vento que nos deixa frio.Frio que non é capaz de conxelar as miñas intencións.Intencións de escribir.Escribir historias e contos,realidade e fantasía.Fantasía mesturada cun pouco de imaxinación. Imaxinación que se converte en ilusión.Ilusión de facer o que máis me gusta.SOÑAR

Nombre:
Lugar: Santiago

27 septiembre, 2006

Un regreso inesperado ( I parte)


Aquela tarde chovía. A auga reflectíase na pedra gris das rúas de Compostela. A verdade é que con ese marco non podía haber mellor recibimento para un retornado. O ceo seguía a escurecer, a tarde estaba chegando ao seu fin e como non se dera presa había pasar unha noite ao frío. Non lle tiña medo, os seus ósos xa estaban acostumados a sentir como miles de bechos lle mordían as entrañas. Estaba todo cambiado, as casas, as rúas, os negocios... o único que seguía igual era a choiva. Levaba moitos anos fora da cidade, da súa casa e, agora volvera, non sabía para que, quizais para curar todas as feridas da alma. Compostela cheiraba igual pero el non. Ó seu paso ía deixando un intenso olor a pólvora, a sangue, a penuria e a morte. Enrique botara quince anos lonxe da súa terra. A guerra pillárao na súa mocidade e coma tal tivo que alistarse para servir a Franco. El non quería, ademais de odialo, sabía que a súa existencia non volvería a ser igual. Iso se tiña a sorte de regresar con vida.

Nestes anos o seu físico cambiara moito, agora era alto e forte, medrara dende que marchou. Pero non estaba ben, a neumonía non se curara de todo, e o brazo custáballe movelo. ¡Que se lle ía facer! A guerra non quería deixar indemne nin aos máis débiles e inocentes. Non se pode dicir que el o fose, xa que polas súas mans pasaran moitas armas, pero viu como moitos desgraciados morrían sen saber que mal fixeran.